Mostrar mensagens com a etiqueta actos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta actos. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 31 de maio de 2010

Remexe coa lingua!




Galiza Nova das Pontes quérese sumar á vaga de apoio á nosa lingua iniciada coas amplas manifestacións que, en menos dun ano de Goberno Feijóo, percorreron catro veces a capital do noso país reclamando que non se desen pasos atrás na normalización do noso idioma e nos dereitos lingüísticos dos seus e as súas falantes. A esas mostras de apoio, que continuaron en forma de concertos e festas en varias comarcas do país, querémonos sumar nas Pontes.



Para iso, a agrupación local de Galiza Nova, quere convidarvos a todos a participardes do acto que o vindeiro venres 4 de xuño, ás 20.00 horas, celebraremos no salón de actos da Casa Dopeso. Connosco estarán o escritor Xabier P. Docampo e o debuxante Xaquín Marín, que nos contarán aspectos da súa actividade profesional xunto cunha análise da situación actual que vive a lingua galega.

Consideramos que este tipo de eventos son totalmente necesarios debido á política que o novo Goberno de Feijóo iniciou desde os comezos do seu mandato. Como exemplo desta política anti-galego e anti-cultura galega, achegamos unha pequena e breve listaxe, podendo extendela máis, das medidas do seu goberno en apenas un ano e deixamos que os lectores e lectoras do blogue sexan quen xulguen se se precisan ou non este tipo de actos:

- 04/09 Declaracións do Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia: a cultura galega limita (sobre os contidos da Cidade da Cultura).
- 06/09 Reforma da Lei da Función Pública suprimindo as probas de galego para o acceso ao Sergas. Efectos: os galegofalantes poderían, na práctica, verse obrigados a falar español perante o médico.
- 06/09 Consulta acientífica e pouco transparente aos pais sobre o galego en plena campaña de austeridade da Xunta. Custo: 200.000 euros.
- 01/10 Declaracións do Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia: o galego non pode ser un muro para o futuro
- 01/10 Declaracións do Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia: La cultura gallega está acomplejada y ensimismada.
- 05/10 Publicación do Decreto do Plurilingüismo, que supón un retroceso na presenza do galego nas aulas e non garante a competencia do alumnado, no DOG que substitúe ao anterior (124/2007), co rexeitamento ás bases e ao texto definitivo, da RAG, do Consello Consultivo, da maioría sindical galega, de ANPAS e asociacións de pedagogos e ensinantes.

Contamos contigo!

quarta-feira, 20 de janeiro de 2010

Nas aulas da Galiza, queremos Galego!

Co gallo da folga prevista para todo o ensino non universitario o xoves 21 de Xaneiro contra o decretazo do Goberno do PP contra o galego, Galiza Nova nas Pontes ten desenvolto actividade a respeito da mesma na nosa vila.

Logo de ter repartido por centros escolares, institutos e outros edificios públicos do concello, material informativo baixo o lema Nas aulas da Galiza, queremos galego!, así como tamén o noso voceiro Lume queremos convidar a todos os veciños da nosa vila, e especialmente á mocidade, a que nos acompañe á manifestación que ás 11.30 da mañá sairá da Alameda e rematará na Praza do Obradoiro.

Para os interesados participardes podedes telefonar ao local da CIG nas Pontes (981451510) e apuntarse no autobús que ás 9.30 sairá do mesmo local. Tamén podedes obter máis información na páxina da plataforma de Queremos Galego!

www.queremosgalego.org
Contra o decretazo do PP! Queremos Galego!

quarta-feira, 22 de julho de 2009

Dia da Patria e Festigal 09

O vindeiro sábado será día 25 de Xullo, Día da Patria Galega, ou o que é o mesmo, chegará a data sinalada para reivindicarmos a nosa existencia no mundo como pobo diferente e visualizarmonos como tal entre o resto dos que habitan o planeta, e desde GZ Nova As Pontes consideramos que como galegos debemos converter cada 25 de Xullo nun día de festa e reivindicación. Hoxe, con máis razón ca nunca, debido os ataques do Goberno da Xunta á nosa lingua ou debido á dificil situación do noso medio rural.

Por iso, a pesar de ser tempo de festa tamén na vila, convidamos a todos os ponteses, e especialmente aos mozos a reivindicar fachendosos a súa condición de galegos alá onde estean ou vaian: marchando polas rúas de Santiago, mostrando a nosa bandeira na Festa da Fraga ou pendurándoa da ventá da nosa casa.


Mais que é o día da patria?


En 1919 a II Asemblea Nacionalista celebrada en Compostela, decidiu conmemorar o 25 de Xullo como dia de exaltación patriótica. No início, a denominación aprobada foi a de Dia do emigrante, aínda que a tradición posterior fala do Dia de Galicia. O primeiro ano no conmemorativo é o 1920, no que as irmandades da Fala consagran a data como Dia da Pátria Galega.

Destaca especialmente a importancia que adquire durante a II República cando se celebra, cada ano na Praza da Quintana, o Mitin das Arengas, tradición axiña freada polo levantamento fascista e a posterior ditadura franquista. É nos últimos anos desta cando se tenta reactivar a celebración, dando como resultado unha dura represión.

En Democracia, cómpre destacar que mesmo até 1983 houbo problemas para a normal celebración do Día da Patria en Santiago, impedindo o acceso dos manifestantes nacionalistas, que resistían na Praza de Galiza ás cargas policiais e detencións, ao casco vello da cidade co obxectivo de recuperar a data como día de Santiago Matamouros. No entanto, agora o día é unha data senlleira para o nacionalismo galego no que miles de galegos nos atopamos nas rúas de Compostela para mostrar que os galegos seguimos en pé e gozamos cos actos organizados derredor do Día da Patria Galega, como bó exemplo é o Festigal.


Qué é o Festigal?


O Festigal é, perante todo, un festival de tendencias, música, cultura e diversidade en Galiza que se celebra, cada ano e desde hai 8, os días 24 e 25 de Xullo na capital do noso país, concretamente no Campus Sul da Universidade de Santiago de Compostela. É pois unha celebración ben consolidada e que ten unha indiscutíbel protagonista: a mocidade.

Abrangue concertos de música, galerías de ideas nas que se realizan coloquios, de software, audiovisuais, tendas, zonas de xantar e moitas outras actividades que aseguran a diversión de todos os asistentes

Se queres atopar máis información sobre o Festigal deste ano podes seguir a seguinte ligazón: http://www.festigal.com e se queres facer parte das equipas organizativas podes anotarte a través do seguinte enderezo-e: nacional@galizanova.org

terça-feira, 26 de maio de 2009

Charla - Debate sobre Boloña


Durante os últimos meses estivemos a asistir a toda unha xeira de protestas e folgas estudantís, pechamentos de estudantes nas diferentes universidades do noso país, bombardeos de propaganda, declaracións e novas nos medios, sobre un tema que á mocidade nos afecta especialmente: a educación universitaria e, en concreto o Plan Boloña.

Co gallo do chamado Proceso de Boloña e da implantación do novo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), GZ Nova As Pontes vai organizar unha Charla - Debate na Aula Polivalente da Casa Dopeso vindeiro día 29 deste mes ás 20.00 do serán. O obxectivo desta Charla - Debate é achegar aos ponteses e pontesas, e moi especialmente á xente nova, un pouco máis de información sobre o asunto tratado.

Para iso contamos con tres convidados:

- Marcos Loureiro, Responsábel Nacional dos Comités Abertos, sindicato estudantil nacionalista.

- Elena Sierra, Vicerreitora de Calidade e Novas Tecnoloxías da UdC.

- Xulio Ferreiro, Responsábel nacional de Universidade da CIG Ensino e profesor na Facultade de Dereito da UdC.

Ficas convidad@!

quinta-feira, 26 de fevereiro de 2009

Galiza Nova presenta en rolda de prensa o programa do BNG en materia de Mocidade


A organización xuvenil do Bloque desenvolverá estes días na comarca unha campaña orientada a que “o BNG lidere o goberno galego”.

O Responsábel Comarcal de Galiza Nova e Candidato ao Parlamento de Galiza, Iago Varela Martínez, presentou hoxe en rolda de prensa o programa de mocidade do Bloque Nacionalista Galego.

Iago Varela lembrou que a Xunta de Galiza impulsou nestes últimos anos medidas que viñan sendo demandadas pola poboación xuvenil. “Coa entrada do BNG no Goberno da Xunta, a mocidade comezou a ter un espazo propio e ben definido, mentres que cos gobernos do PP era un dos sectores máis desprotexidos”.

Tendo en conta a situación económica, para Galiza Nova é unha prioridade pular por un traballo digno. Por iso dende o BNG desenvolverase un Plano de Emprego Xuvenil, para materializar o dereito a un traballo no propio país, e o Salario Social, destinado á xente que procura o seu primeiro emprego tras un período de formación.

O traballo a prol dun ensino “realmente público”, a consolidación da Rede de Centros Quérote e Locais de Ensaio, a elaboración dun novo lano de Financiamento da Universidade ou a mellora do transporte público, son outros dos retos do BNG en materia de xuventude.

Esta presentación enmárcase dentro da campaña que Galiza Nova levará a cabo durante esta semana, “traballaremos para que o vindeiro un de marzo a xente nova aposte por Anxo Quintana para presidir a Xunta de Galiza, porque é o único candidato que porá á mocidade no centro da súa atención” sentenciou Iago Varela.

sexta-feira, 6 de fevereiro de 2009

As vivendas tuteladas das Pontes




Este próximo venres día 6 de febreiro, ás 20.00h do serán, o BNG celebrará un acto co motivo de familiarizar a todos os ponteses coa acción gubernamental da Consellería de Vivenda e Solo e que estará orientado cara o tema das vivendas tuteladas que na actualidade temos no noso concello.

Para iso o Delegado Provincial da Consellaría de Vivenda e Solo, Xoán Carlos Bascuas, achegarase até a vila como xa tivera feito noutra ocasión, daquela convidado por Galiza Nova.

Animamos a todos os ponteses e pontesas, especialmente a toda a mocidade lectora do blogue, a que se achegue á Casa Dopeso este vindeiro día 6.

quinta-feira, 4 de dezembro de 2008

Propostas do nacionalismo ante a crise económica


O próximo xoves 11 de decembro, na Casa Dopeso, ás 20:00 horas, o BNG vai celebrar un acto público co obxectivo de dar a coñecer as propostas do nacionalismo galego perante a situación de crise económica que estamos a vivir , tanto na Galiza como no resto do mundo.

O coloquio decorrerá da man de Carlos Aymerich Cano, actual portavoz do Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza.

Animamos a todos os veciños, e especialmente aos máis novos, a achegárense á Casa Dopeso para escoitar a alternativa económica do nacionalismo galego.

quarta-feira, 26 de novembro de 2008

Mesa redonda sobre a situación actual do Río Eume e Chamoselo


Dende a asociación xuveníl Galiza Nova queremos convidar a todas aquelas persoas a unha charla-coloquio, “Situación actual dos ríos Eume e Chamoselo” que se celebrará o vindeiro venres 28 de novembro ás 20:00 horas nas instalacións do Lar.


Ó acto asistirán membros de colectivos ecoloxistas como ADEGA, tamén están convida colectivos políticos, empresariais e cidadáns preocupados polo tema, para posteriormente iniciar unha mesa redonda. A duración aproximada do acto será de 60 minutos.


Consideramos esencial a participación de todas aquelas persoas interesadas na busca de solucións para mellorar o noso entorno. Dado que é unha problemática que afecta a todos os ponteses e pontesas, agradeceríamos a vosa presenza para aportar a vosa visión sobre o tema.