quinta-feira, 26 de fevereiro de 2009

Galiza Nova presenta en rolda de prensa o programa do BNG en materia de Mocidade


A organización xuvenil do Bloque desenvolverá estes días na comarca unha campaña orientada a que “o BNG lidere o goberno galego”.

O Responsábel Comarcal de Galiza Nova e Candidato ao Parlamento de Galiza, Iago Varela Martínez, presentou hoxe en rolda de prensa o programa de mocidade do Bloque Nacionalista Galego.

Iago Varela lembrou que a Xunta de Galiza impulsou nestes últimos anos medidas que viñan sendo demandadas pola poboación xuvenil. “Coa entrada do BNG no Goberno da Xunta, a mocidade comezou a ter un espazo propio e ben definido, mentres que cos gobernos do PP era un dos sectores máis desprotexidos”.

Tendo en conta a situación económica, para Galiza Nova é unha prioridade pular por un traballo digno. Por iso dende o BNG desenvolverase un Plano de Emprego Xuvenil, para materializar o dereito a un traballo no propio país, e o Salario Social, destinado á xente que procura o seu primeiro emprego tras un período de formación.

O traballo a prol dun ensino “realmente público”, a consolidación da Rede de Centros Quérote e Locais de Ensaio, a elaboración dun novo lano de Financiamento da Universidade ou a mellora do transporte público, son outros dos retos do BNG en materia de xuventude.

Esta presentación enmárcase dentro da campaña que Galiza Nova levará a cabo durante esta semana, “traballaremos para que o vindeiro un de marzo a xente nova aposte por Anxo Quintana para presidir a Xunta de Galiza, porque é o único candidato que porá á mocidade no centro da súa atención” sentenciou Iago Varela.

sexta-feira, 6 de fevereiro de 2009

As vivendas tuteladas das Pontes




Este próximo venres día 6 de febreiro, ás 20.00h do serán, o BNG celebrará un acto co motivo de familiarizar a todos os ponteses coa acción gubernamental da Consellería de Vivenda e Solo e que estará orientado cara o tema das vivendas tuteladas que na actualidade temos no noso concello.

Para iso o Delegado Provincial da Consellaría de Vivenda e Solo, Xoán Carlos Bascuas, achegarase até a vila como xa tivera feito noutra ocasión, daquela convidado por Galiza Nova.

Animamos a todos os ponteses e pontesas, especialmente a toda a mocidade lectora do blogue, a que se achegue á Casa Dopeso este vindeiro día 6.