segunda-feira, 31 de maio de 2010

Remexe coa lingua!




Galiza Nova das Pontes quérese sumar á vaga de apoio á nosa lingua iniciada coas amplas manifestacións que, en menos dun ano de Goberno Feijóo, percorreron catro veces a capital do noso país reclamando que non se desen pasos atrás na normalización do noso idioma e nos dereitos lingüísticos dos seus e as súas falantes. A esas mostras de apoio, que continuaron en forma de concertos e festas en varias comarcas do país, querémonos sumar nas Pontes.



Para iso, a agrupación local de Galiza Nova, quere convidarvos a todos a participardes do acto que o vindeiro venres 4 de xuño, ás 20.00 horas, celebraremos no salón de actos da Casa Dopeso. Connosco estarán o escritor Xabier P. Docampo e o debuxante Xaquín Marín, que nos contarán aspectos da súa actividade profesional xunto cunha análise da situación actual que vive a lingua galega.

Consideramos que este tipo de eventos son totalmente necesarios debido á política que o novo Goberno de Feijóo iniciou desde os comezos do seu mandato. Como exemplo desta política anti-galego e anti-cultura galega, achegamos unha pequena e breve listaxe, podendo extendela máis, das medidas do seu goberno en apenas un ano e deixamos que os lectores e lectoras do blogue sexan quen xulguen se se precisan ou non este tipo de actos:

- 04/09 Declaracións do Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia: a cultura galega limita (sobre os contidos da Cidade da Cultura).
- 06/09 Reforma da Lei da Función Pública suprimindo as probas de galego para o acceso ao Sergas. Efectos: os galegofalantes poderían, na práctica, verse obrigados a falar español perante o médico.
- 06/09 Consulta acientífica e pouco transparente aos pais sobre o galego en plena campaña de austeridade da Xunta. Custo: 200.000 euros.
- 01/10 Declaracións do Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia: o galego non pode ser un muro para o futuro
- 01/10 Declaracións do Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia: La cultura gallega está acomplejada y ensimismada.
- 05/10 Publicación do Decreto do Plurilingüismo, que supón un retroceso na presenza do galego nas aulas e non garante a competencia do alumnado, no DOG que substitúe ao anterior (124/2007), co rexeitamento ás bases e ao texto definitivo, da RAG, do Consello Consultivo, da maioría sindical galega, de ANPAS e asociacións de pedagogos e ensinantes.

Contamos contigo!

quarta-feira, 20 de janeiro de 2010

Nas aulas da Galiza, queremos Galego!

Co gallo da folga prevista para todo o ensino non universitario o xoves 21 de Xaneiro contra o decretazo do Goberno do PP contra o galego, Galiza Nova nas Pontes ten desenvolto actividade a respeito da mesma na nosa vila.

Logo de ter repartido por centros escolares, institutos e outros edificios públicos do concello, material informativo baixo o lema Nas aulas da Galiza, queremos galego!, así como tamén o noso voceiro Lume queremos convidar a todos os veciños da nosa vila, e especialmente á mocidade, a que nos acompañe á manifestación que ás 11.30 da mañá sairá da Alameda e rematará na Praza do Obradoiro.

Para os interesados participardes podedes telefonar ao local da CIG nas Pontes (981451510) e apuntarse no autobús que ás 9.30 sairá do mesmo local. Tamén podedes obter máis información na páxina da plataforma de Queremos Galego!

www.queremosgalego.org
Contra o decretazo do PP! Queremos Galego!

quarta-feira, 22 de julho de 2009

Dia da Patria e Festigal 09

O vindeiro sábado será día 25 de Xullo, Día da Patria Galega, ou o que é o mesmo, chegará a data sinalada para reivindicarmos a nosa existencia no mundo como pobo diferente e visualizarmonos como tal entre o resto dos que habitan o planeta, e desde GZ Nova As Pontes consideramos que como galegos debemos converter cada 25 de Xullo nun día de festa e reivindicación. Hoxe, con máis razón ca nunca, debido os ataques do Goberno da Xunta á nosa lingua ou debido á dificil situación do noso medio rural.

Por iso, a pesar de ser tempo de festa tamén na vila, convidamos a todos os ponteses, e especialmente aos mozos a reivindicar fachendosos a súa condición de galegos alá onde estean ou vaian: marchando polas rúas de Santiago, mostrando a nosa bandeira na Festa da Fraga ou pendurándoa da ventá da nosa casa.


Mais que é o día da patria?


En 1919 a II Asemblea Nacionalista celebrada en Compostela, decidiu conmemorar o 25 de Xullo como dia de exaltación patriótica. No início, a denominación aprobada foi a de Dia do emigrante, aínda que a tradición posterior fala do Dia de Galicia. O primeiro ano no conmemorativo é o 1920, no que as irmandades da Fala consagran a data como Dia da Pátria Galega.

Destaca especialmente a importancia que adquire durante a II República cando se celebra, cada ano na Praza da Quintana, o Mitin das Arengas, tradición axiña freada polo levantamento fascista e a posterior ditadura franquista. É nos últimos anos desta cando se tenta reactivar a celebración, dando como resultado unha dura represión.

En Democracia, cómpre destacar que mesmo até 1983 houbo problemas para a normal celebración do Día da Patria en Santiago, impedindo o acceso dos manifestantes nacionalistas, que resistían na Praza de Galiza ás cargas policiais e detencións, ao casco vello da cidade co obxectivo de recuperar a data como día de Santiago Matamouros. No entanto, agora o día é unha data senlleira para o nacionalismo galego no que miles de galegos nos atopamos nas rúas de Compostela para mostrar que os galegos seguimos en pé e gozamos cos actos organizados derredor do Día da Patria Galega, como bó exemplo é o Festigal.


Qué é o Festigal?


O Festigal é, perante todo, un festival de tendencias, música, cultura e diversidade en Galiza que se celebra, cada ano e desde hai 8, os días 24 e 25 de Xullo na capital do noso país, concretamente no Campus Sul da Universidade de Santiago de Compostela. É pois unha celebración ben consolidada e que ten unha indiscutíbel protagonista: a mocidade.

Abrangue concertos de música, galerías de ideas nas que se realizan coloquios, de software, audiovisuais, tendas, zonas de xantar e moitas outras actividades que aseguran a diversión de todos os asistentes

Se queres atopar máis información sobre o Festigal deste ano podes seguir a seguinte ligazón: http://www.festigal.com e se queres facer parte das equipas organizativas podes anotarte a través do seguinte enderezo-e: nacional@galizanova.org

terça-feira, 26 de maio de 2009

Charla - Debate sobre Boloña


Durante os últimos meses estivemos a asistir a toda unha xeira de protestas e folgas estudantís, pechamentos de estudantes nas diferentes universidades do noso país, bombardeos de propaganda, declaracións e novas nos medios, sobre un tema que á mocidade nos afecta especialmente: a educación universitaria e, en concreto o Plan Boloña.

Co gallo do chamado Proceso de Boloña e da implantación do novo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), GZ Nova As Pontes vai organizar unha Charla - Debate na Aula Polivalente da Casa Dopeso vindeiro día 29 deste mes ás 20.00 do serán. O obxectivo desta Charla - Debate é achegar aos ponteses e pontesas, e moi especialmente á xente nova, un pouco máis de información sobre o asunto tratado.

Para iso contamos con tres convidados:

- Marcos Loureiro, Responsábel Nacional dos Comités Abertos, sindicato estudantil nacionalista.

- Elena Sierra, Vicerreitora de Calidade e Novas Tecnoloxías da UdC.

- Xulio Ferreiro, Responsábel nacional de Universidade da CIG Ensino e profesor na Facultade de Dereito da UdC.

Ficas convidad@!

quarta-feira, 20 de maio de 2009

Galiza Nova no Grupo Municipal do BNG das Pontes

A agrupación local do BNG na vila ven de anunciar en rolda de prensa as mudanzas que están previstas para os próximos meses no seo do Grupo Municipal do Bloque no Concello das Pontes.

Na próxima reunión do Pleno do Concello das Pontes aceptaranse as renuncias de Susana Vilaboy Cabarcos e de Xaime Castro Paz, ambos os dous concelleir@s actuais do Bloque das Pontes, por moitvos de saúde atendendo así ás prescripcións dadas polos médicos e ao feito dos dous concelleiros non poder dedicárense ao 100% aos cargos para os que foron eleitos polos veciños da vila nas pasadas eleccións municipais de 2007.

Os postos vacantes serán ocupados, nos vindeiros meses, por Paco Rodríguez Iglesias, que xa fora concelleiro de Participación Cidadá na pasada Lexislatura 2003-2007 e por Anxo Meizoso Permuy, veciño de Goente e actual Responsábel Local de Galiza Nova. Así o grupo municipal do BNG segue a manter unha das súas características máis senlleiras: a combinación da experiencia e das novas ideas nun mesmo proxecto e ao servizo das veciñas e veciños.

Por último hai que destacar que coa incorporación de Anxo Meizoso ao Grupo Municipal do BNG, Galiza Nova, e dese xeito a mocidade pontesa, poderá estar directamente representada no Pleno Municipal.

quinta-feira, 26 de fevereiro de 2009

Galiza Nova presenta en rolda de prensa o programa do BNG en materia de Mocidade


A organización xuvenil do Bloque desenvolverá estes días na comarca unha campaña orientada a que “o BNG lidere o goberno galego”.

O Responsábel Comarcal de Galiza Nova e Candidato ao Parlamento de Galiza, Iago Varela Martínez, presentou hoxe en rolda de prensa o programa de mocidade do Bloque Nacionalista Galego.

Iago Varela lembrou que a Xunta de Galiza impulsou nestes últimos anos medidas que viñan sendo demandadas pola poboación xuvenil. “Coa entrada do BNG no Goberno da Xunta, a mocidade comezou a ter un espazo propio e ben definido, mentres que cos gobernos do PP era un dos sectores máis desprotexidos”.

Tendo en conta a situación económica, para Galiza Nova é unha prioridade pular por un traballo digno. Por iso dende o BNG desenvolverase un Plano de Emprego Xuvenil, para materializar o dereito a un traballo no propio país, e o Salario Social, destinado á xente que procura o seu primeiro emprego tras un período de formación.

O traballo a prol dun ensino “realmente público”, a consolidación da Rede de Centros Quérote e Locais de Ensaio, a elaboración dun novo lano de Financiamento da Universidade ou a mellora do transporte público, son outros dos retos do BNG en materia de xuventude.

Esta presentación enmárcase dentro da campaña que Galiza Nova levará a cabo durante esta semana, “traballaremos para que o vindeiro un de marzo a xente nova aposte por Anxo Quintana para presidir a Xunta de Galiza, porque é o único candidato que porá á mocidade no centro da súa atención” sentenciou Iago Varela.

sexta-feira, 6 de fevereiro de 2009

As vivendas tuteladas das Pontes




Este próximo venres día 6 de febreiro, ás 20.00h do serán, o BNG celebrará un acto co motivo de familiarizar a todos os ponteses coa acción gubernamental da Consellería de Vivenda e Solo e que estará orientado cara o tema das vivendas tuteladas que na actualidade temos no noso concello.

Para iso o Delegado Provincial da Consellaría de Vivenda e Solo, Xoán Carlos Bascuas, achegarase até a vila como xa tivera feito noutra ocasión, daquela convidado por Galiza Nova.

Animamos a todos os ponteses e pontesas, especialmente a toda a mocidade lectora do blogue, a que se achegue á Casa Dopeso este vindeiro día 6.