quarta-feira, 22 de julho de 2009

Dia da Patria e Festigal 09

O vindeiro sábado será día 25 de Xullo, Día da Patria Galega, ou o que é o mesmo, chegará a data sinalada para reivindicarmos a nosa existencia no mundo como pobo diferente e visualizarmonos como tal entre o resto dos que habitan o planeta, e desde GZ Nova As Pontes consideramos que como galegos debemos converter cada 25 de Xullo nun día de festa e reivindicación. Hoxe, con máis razón ca nunca, debido os ataques do Goberno da Xunta á nosa lingua ou debido á dificil situación do noso medio rural.

Por iso, a pesar de ser tempo de festa tamén na vila, convidamos a todos os ponteses, e especialmente aos mozos a reivindicar fachendosos a súa condición de galegos alá onde estean ou vaian: marchando polas rúas de Santiago, mostrando a nosa bandeira na Festa da Fraga ou pendurándoa da ventá da nosa casa.


Mais que é o día da patria?


En 1919 a II Asemblea Nacionalista celebrada en Compostela, decidiu conmemorar o 25 de Xullo como dia de exaltación patriótica. No início, a denominación aprobada foi a de Dia do emigrante, aínda que a tradición posterior fala do Dia de Galicia. O primeiro ano no conmemorativo é o 1920, no que as irmandades da Fala consagran a data como Dia da Pátria Galega.

Destaca especialmente a importancia que adquire durante a II República cando se celebra, cada ano na Praza da Quintana, o Mitin das Arengas, tradición axiña freada polo levantamento fascista e a posterior ditadura franquista. É nos últimos anos desta cando se tenta reactivar a celebración, dando como resultado unha dura represión.

En Democracia, cómpre destacar que mesmo até 1983 houbo problemas para a normal celebración do Día da Patria en Santiago, impedindo o acceso dos manifestantes nacionalistas, que resistían na Praza de Galiza ás cargas policiais e detencións, ao casco vello da cidade co obxectivo de recuperar a data como día de Santiago Matamouros. No entanto, agora o día é unha data senlleira para o nacionalismo galego no que miles de galegos nos atopamos nas rúas de Compostela para mostrar que os galegos seguimos en pé e gozamos cos actos organizados derredor do Día da Patria Galega, como bó exemplo é o Festigal.


Qué é o Festigal?


O Festigal é, perante todo, un festival de tendencias, música, cultura e diversidade en Galiza que se celebra, cada ano e desde hai 8, os días 24 e 25 de Xullo na capital do noso país, concretamente no Campus Sul da Universidade de Santiago de Compostela. É pois unha celebración ben consolidada e que ten unha indiscutíbel protagonista: a mocidade.

Abrangue concertos de música, galerías de ideas nas que se realizan coloquios, de software, audiovisuais, tendas, zonas de xantar e moitas outras actividades que aseguran a diversión de todos os asistentes

Se queres atopar máis información sobre o Festigal deste ano podes seguir a seguinte ligazón: http://www.festigal.com e se queres facer parte das equipas organizativas podes anotarte a través do seguinte enderezo-e: nacional@galizanova.org

Sem comentários:

Enviar um comentário